Sunday 28 de April de 2024

A Xunta premia no día do cooperativismo a terras da mariña de Lourenzá, Dalle que Dalle de Vilagarcía e CEM de Culleredo


A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participa en Lourenzá na conmemoración desta xornada na que se entregaron os galardóns á cooperación 2017 e aos mellores proxectos empresariais cooperativos dos centros de FP

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou en Lourenzá (Lugo), na cooperativa Terras da Mariña, no acto que para conmemorar o Día do Cooperativismo organizou a Xunta, en colaboración co Consello Galego de Cooperativismo, e no que se entregaron os Premios á Cooperación 2017 e aos mellores Proxectos Empresariais Cooperativos dos centros de FP.

A Administración autonómica nesta edición premiou co galardón aos valores cooperativos a Dalle que Dalle, de Vilagarcía de Arousa, dedicada a xestionar un espazo coworking e a asesorar a emprendedores; á mellor traxectoria á Cooperativa Galega de Educación Medioambiental (CEM), de Culleredo, centrada na protección da contorna e do medio ambiente; e á mellor cooperativa nova a Terras da Mariña, adicada ao cultivo da faba de Lourenzá.

Con respecto aos premios aos proxectos empresariais cooperativos dos centros de FP, galardóns que forman parte do certame Cooperativismo no ensino, foron concedidos un accésit compartido á iniciativa Identik3D, do EIS Imaxe e Son, da Coruña, centrada no modelado de 3D; e a Piscinatura, do CIFP Someso, da Coruña, un plan de deseño e construción sostibles. O premio ao mellor proxecto empresarial cooperativo foi para Eficonter, do CIFP Someso da Coruña, dirixido ao eido da reciclaxe.

Toca, ademais de felicitar a todos os premiados, recoñeceu o seu labor destacando a súa contribución ao emprendemento innovador, un ámbito que está impulsando a Xunta para mellorar a competitividade do tecido empresarial galego.

Así mesmo, a secretaria xeral de Emprego agradeceu na décimo quinta edición do Día do Cooperativismo Galego o traballo que está realizando o movemento cooperativista galego co que, segundo apuntou, contribúe ao desenvolvemento económico e á creación dunha Galicia máis próspera.

Dinamización do rural
Puxo tamén en valor o esforzo que está a facer o Goberno galego para darlle un pulo a este modelo de negocio, fortalecendo con diversas medidas a súa competitividade e o seu crecemento, co obxectivo de que poida abrirse a novos mercados internacionais. Deste xeito, indicou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración co Consello Galego de Cooperativismo, traballa para que as cooperativas segan dinamizando e modernizando o rural.

Neste eido, e a través da Axenda 20, a Xunta ten activo un programa de formación e emprendemento no rural que conta con 30 millóns de euros para chegar a 13.000 persoas co obxectivo de incrementar as posibilidades de emprego e fixar poboación no rural. Trátase, en palabras de Toca, dunha iniciativa que responde “ao compromiso da Xunta coa formación para que a mocidade do rural acceda a un emprego de calidade” formándoos nas disciplinas que demandan as empresas e poñendo a súa disposición os recursos e ferramentas necesarios. Entre as medidas incluídas neste plan salientou a posta en marcha no segundo semestre deste ano de 6 laboratorios cooperativos no rural para impulsar a creación de empresas de economía social.

A iniciativa está dirixida a persoas desempregadas con preferencia para os colectivos que máis o precisan como son as mulleres, os menores de 30 anos, as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social e unidades familiares con todos os seus membros en paro. Precisamente, Toca afirmou que estes colectivos optan en todas as axudas vinculadas ao emprego a un 25% de incremento na intensidade dos apoios.

Por último, a secretaria de Emprego referiuse a outras ferramentas coas que a Xunta impulsa a economía social e o cooperativismo en Galicia como son a Lei de Economía Social, que da voz a un sector que aglutina 7.000 entidades; o Fondo de Economía Social (FES) de XesGalicia de 5 millóns de euros para impulsar o desenvolvemento de novos proxectos; a Rede Eusumo, formada por 191 entidades para fomentar o cooperativismo; e os recursos para o impulso do emprendemento colectivo cun orzamento que este ano ascende a 5,4 millóns de euros.

O cooperativismo en Galicia
Galicia conta no primeiro semestre deste ano con 1.325 cooperativas activas, o que supón un 3,2% máis que no mesmo período do pasado ano. Do total, 510 cooperativas corresponden á provincia da Coruña (38,4%); 383 á de Pontevedra (28,9%); 243 á de Lugo (18,3%); e 189 (14,2%) á de Ourense. Nos seis primeiros meses do ano constituíronse 24 novas cooperativas na Comunidade: 13 na provincia de Pontevedra; 4 na de Coruña; 4 na de Lugo; e 3 na de Ourense.